|Eduardo Estevez
Conversa entre o nosso colaborador Eduardo Estevez e o poeta Ramón Blanco, em destaque, esta semana, na Sítio.
--> es poeta de
ritmo lento, canto menos de ritmo de edición. escribes máis do que se ve? ou é
que os proxectos che levan tempo? como son os teus procesos de escrita?
Escribo poesía regularmente desde os 16 anos. Aos 25 publiquei Orfeu en soños, que viña ser unha
escolma do que quería salvar, de entre centos de textos que fora creando con
pouco valor literario. Son perfeccionista, co cal esta valoración negativa
serve para case todo o que levo escrito. Emily
on the road foi medrando ao longo de seis anos, mais, obviamente,
sucedéronse períodos totalmente improdutivos ou nos que só escribía algunha
colaboración para as revistas. Penso moito o que quero contar, a redacción non
me leva tanto. E nunca deixo de corrixir, o cal vai en contra da publicación.
--> medraches a
carón (ou dentro) dun colectivo poético. pero eu penso que unha das
características que diferencian a escrita máis nova en galiza é que os procesos
son moito máis individuais que foron en xeracións anteriores (digamos, dos 80,
incluídos para atrás). concordas con esta idea? como influíu na túa escrita o
feito de que se desenvolvese no seu dun colectivo?
O colectivo Sacou foi para min unha escola e un senfín de
estímulos. Del saíron algúns dos meus mellores amigos, cos que sigo a compartir
lecturas e conversas sobre literatura. Coincido contigo en que o proceso é
agora máis individual; de feito constátoo en min mesmo desde o intre en que
Sacou pasa a segundo plano. En calquera caso nese colectivo cadaquén tiña un
estilo moi diferenciado, e ademais de poetas había narradores e pintores. A
cohesión viña dada máis ben, nalgúns casos, pola ideoloxía política.
--> coñeces de
preto o sistema editorial galego e, ademais, es investigador da literatura do
país. cal é a túa avaliación sobre a súa saúde? como ves o momento actual da
produción e da edición en relación coas novas (e xa nin tan novas) formas de
edición, distribución e difusión?
A literatura está no mellor momento da súa historia. Cada vez
hai voces máis interesantes (e xa ían facendo falta). Outra cousa é o soporte
editorial; a precariedade condena a literatura á volta ás catacumbas. A única
vantaxe que podería derivarse sería unha maior selectividade á hora de
publicar; por desgraza, que se publique pouco non significa necesariamente que
publiquen os mellores, senón simplemente os que máis venden ou (aínda peor) os
que máis amigos teñen. Valoro positivamente as novas canles de difusión do
libro, mais coido que o filtro aínda segue a ser o formato papel. A xestión
editorial é necesaria, e aínda máis no campo dixital.
--> levas andada
media galiza co teu libro "on the road". cóntame esta experiencia de
poesía en escena
Esta xira comezou case como unha broma, por iniciativa do
editor, e converteuse nun espectáculo exitoso que deu bastante que falar. Debín
facer unhas trinta presentacións. Sen dúbida axudou a vender ben o libro. Tiven
a sorte de contar co saxofonista Pablo Sax, cuxas improvisacións son a alma dos
recitais, aínda que el diga que a partitura é o propio texto. Algunha xente
díxome que esta multiactividade lembraba á que había nos noventa.
--> e, para
pechar, gustaríame saber se xa estás argallando algún libro novo ou algún
proxecto literario novo.
Estou a traballar nun libro-reportaxe (por chamarlle dalgunha
maneira) sobre un río e as historias que del me contaron ou lin; a editora xa
agarda por el, mais o seu caudal non para de medrar. Tamén teño varios
proxectos narrativos en marcha. E imaxino que volverá a poesía, pois é o único
xénero no que non me sinto alleo.